19/12/22

3º e 4º EP_ Última sesión do CPInnova EDUsaúde

 Hoxe tivemos a segunda e última sesión do CPInnova EDUsaúde, onde aprendimos os tipos de azucre presentes nos alimentos e por que son perxudiciais para a saúde, entre outras cousas. 

Grazas!

Preme na imaxe para acceder á galería de fotos.



28/11/22

3º EP_ Andaina por Malpica

Durante estas últimas semanas estivemos inmersos nos contidos relacionados con mapas, planos e orientación espacial. 

Como produto final do traballado, o alumnado de 3º fixo unha ruta pola nosa vila, Malpica. Na aula eliximos os lugares que debía visitar todo foráneo, así como a ruta a seguir.  Durante o paseo, todos levaron o seu plano coa ruta marcada para indicarnos, por turnos, as rúas que debíamos coller. Foi unha andaina marabillosa! Rimos, compartimos, xogamos... E mesmo tivemos a sorte de saudar a algún que outro familiar. Toda unha experiencia!

Clica na imaxe para ver todas as fotos!



07/11/22

3º e 4º EP_ 1ª sesión do CPInnova EDUsaúde

Hoxe, as aulas de 3º e 4º de Primaria acudimos á biblioteca para recibir a primeira sesión do Contrato-Programa Innova EDUsaúde, que promove a dinamización de hábitos de vida saudable dentro do noso cole.

Nesta sesión, recordamos coñecementos e aprendemos outros novos sobre, por exemplo:

- Os macronutrintes e alimentos que os conteñen

-  Alimentos saudables e non saudables

- Exemplos de almorzos saudables

- As froitas e hortalizas de tempada

Tamén puidemos resolver as nosas dúbidas, que non eran poucas😃, facendo todas as preguntas que quixemos!

Preme na seguinte imaxe para acceder ao álbum de fotos

Agardamos a seguinte sesión!


28/10/22

3ºEP_Lecturas Terroríficas: A desaparición terrorífica

Imaxe 3ºEP

Esta semana presentamos na biblio o noso conto de produción propia:

A desaparición terrorífica

Alberto é un bocadillo parlante. Ten 8 anos e encántalle almorzar leite fresca e torradas de marmelada de fresa. É moi activo, non para nunca de saltar e os seus amigos din que ten unha forza alucinante.

Unha fría mañá de novembro, o bocadillo parlante espertou na súa cama e, cando foi buscar á súa familia, deuse conta de que estaba só na casa.

Pensou que estaba soñando, así que volveu á cama a durmir un pouco máis. Cando volveu espertar, buscou de novo á súa familia pero sen éxito.

Preocupado, saiu ao bosque a buscar á súa familia. Cando levaba un tempo camiñando, encontrouse con un xigante que lle preguntou: “Que fas aquí, bocadillo apetitoso?” e Alberto contoulle que estaba buscando á súa familia polo bosque. Pediulle axuda, pero o xigante díxolle que non, que prefería zampalo. Alberto, morto de medo, lanzoulle á cara un queixo tan fundido e quente que parecía lava, e foise correndo.

Ao cabo dun tempo encontrou a unha patasma e lle explicou o seu problema: levaba horas sen encontrar á súa familia.

- Podes axudarme? - preguntou Alberto – Estou moooooi preocupado. Pasaríalle algo á miña familia? Que será de min sen ela?

De súpeto, a pantasma comezou a rebuscar no seu peto. Sacou un obxecto redondo e máxico... Era un compás.

- Este compás ten o poder de encontrar a xente desaparecida. Segue buscando polo bosque e xa verás como, cando esteas preto da túa familia, o compás comezará a pitar moooooi forte e mooooooi rápido.

Seguiu o seu camiño durante horas e chegou a unha horta. Alí, había un paxaro que tamén lle ofertou axuda. Subiu ao seu lombo e o paxaro levantou o voo. Pero facía tanto vento que Alberto perdou o equilibrio e caeu ao baleiro.

Caeu ao carón dunha casa encantada. Entrou e viu un montón de bocadillos parlantes comidos. O chan estaba repleto de migas e babas! Decatouse de que había un rastro de salsa de tomate polo chan e decidiu seguilo. De súpeto, o compás comezou a pitar moi rápido e forte e, ao fondo do corredor, comezou a escoitar uns ruídos.

Baixou as escaleiras e chegou a un enorme soto. En realidade, Alberto estaba moi asustado e o compás, para calmalo, comezou a brillar. Así, Alberto foi capaz de distinguir unha gárgola ao fondo da habitación. Detrás dela, estaba a súa familia atrapada e atada a un pau moi largo.

Decidiu enfrentarse á gárgola nunha pelexa. Nun momento, pasou por debaixo das pernas da gárgola, esta perdeu o equilibrio e caeu ao chan con tanta forza que rompeu pola metade en dous anacos.

Rescatou á súa familia e, xuntos, fixeron o camiño de volta á casa. Cando chegaron, decidiron celebrar que estaban sans e salvos facendo un pastel de fresa e chocolate.

Feliz Samaín!


4ºEP_ Lecturas Terroríficas: O noso Samaín

Presentamos, na biblioteca, a nosa poesía de produción propia para celebrar con "Lecturas Terroríficas" a chegada do Samaín.

Un traballo feito por todos e todas, en equipo, en Lingua Galega e o cal dedicamos aos compañeiros e compañeiras ausentes.

Esperamos que vos guste, nós pasámolo de medo.

22/06/22

4ºEP_Fin de curso 2021/22

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica 
Hoxe levamos para as nosas casas a última proposta de retos para realizar no verán (portada e algúns dos retos nas imaxes); así como o agasallo final da nosa titora, en imaxes. Imaxes dun curso que superamos con matrícula honorífica.

Aula 4ºEP-Fin curso 2021-22
Aula 4ºEP-Fin curso 2021-22

Despedímonos do 2º ciclo co último mural do curso, Gramatilandia: un mundo de palabras!, co cal desenvolvemos o ámbito lingüístico, un mundo de emocións e de cohesión grupal: NÓS.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos 

Engadir que estes últimos días lectivos gozamos de dúas xornadas nas que volvemos convivir xunt@s. Premendo nos seguintes enlaces accederedes ás publicacións realizadas no blog da Biblioteca:

Agradecemos a colaboración das familias ao longo do curso, á ANPA a merenda coa que nos agasallou nesta última xornada e a A.C. Malante de Malpica por amenizarnos a mesma. A todo o profesorado, grazas por guiar a nosa travesía escolar, coidándonos.

Feliz verán, en familia, a tod@s!

Voltamos en setembro para iniciar o último ciclo de Primaria, seguiremos contando no blog do 3º ciclo: 

O 3º milladoiro malpicán

16/06/22

3º e 4ºEP_Surf en Area Maior

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica                           Premer na imaxe para acceder á galería de fotos da xornada

Hoxe, as aulas de 3º e 4º de Primaria, pechamos o programa "Aprende a través del surfing" na nosa querida praia Area Maior.

O equipo de One Surf Academy guiounos na auga para tomar contacto coas táboas, coas ondas. Asemade, compartimos valores de coidado e respecto ao Medio, creatividade e aprendizaxes de vida.

Unha xornada de fin de programa e de curso que, sen dúbida, non olvidaremos.

13/06/22

4ºEP_Retos LeoLab... cumpridos!

 

O Equipo Tecnolóxico elaborou diversos retos creativos/construtivos para realizar no LeoLab e por niveis de dificultade, seguindo as cores dos nives lectores da nosa Biblio: verde (principiantes), amarelo (autónomos) e vermello (expertos)

Despois da andaina solidaria, chegamos ao cole moi relaxad@s e rematamos o día no LeoLab para desenvolver a nosa gran creatividade e...

RETOS MÁIS QUE CUMPRIDOS! 

4ºEP_Andaina solidaria

Aula 4ºEP
                                  Premer na imaxe para acceder ao álbum de fotos da xornada

Participamos na "II Carreira Solidaria" convocada pola  ANPA Orxeira do IES Urbano Lugrís, en colaboración coa nosa ANPA Ventorrillo.

Unha andaina solidaria na que o bo tempo e o nordés, característico da nosa costa, nos acompañaron ao longo da xornada xunto coa merenda a cargo dos organizadores, sorteo de agasallos varios e música.

Pechando un curso de convivencia solidaria!

11/06/22

4ºEP_Rueiro dos retos!

Aula 4º de PrimariaPremer na imaxe para acceder á galería de fotos

Esta semana organizamos e desenvolvemos a actividade proposta polo Equipo Tecnolóxico, en colaboración con outros equipos, e en estreita relación co PDI NÓS: Rueiro dos retos!

Organizamos a saída, no LeoLab, coñecendo cada reto e as rúas polas que investigar. Dividímonos en 2 equipos, laranxa e verde, e con tablet, mapa e táboa de recollida de solucións na man percorremos as rúas de Malpica investigando, resolvendo cada reto proposto.

Unha actividade coa que nos divertimos e descubrimos datos da nosa vila que moitos/as descoñeciamos.

RETOS CUMPRIDOS!

10/06/22

4ºEP_Un trimestre... valorando, xogando!

Presentamos un vídeo-resumo dos valores e aprendizaxes aos que demos tratamento no último trimestre do curso: aprendendo a investigar, respectando o Medio, valorando as nosas raíces, xogando!

Dende a creación das 48 preguntas para o xogo derivado do PDI NÓS: E ti, de quen ves sendo?, ata a creación do noso propio xogo 3R con materiais de refugallo (caixas de cartón, tapóns de plástico e páxinas de libros deteriorados/expurgados) implementando o Laboratorio de Ideas.

Un trimestre no que valoramos e xogamos para seguir divertíndonos aprendendo.

05/06/22

4ºEP_Coidando o Medio... coidámonos!

Aula 4º de Primaria Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

O trimestre comezou cunha carta e agasallos sorpresa de Leo, mascota da nosa Biblio, que nos animou a investigar sobre os seres vivos, valorando o coidado do Medio e deixándonos un texto instructivo para crear os nosos minilibros.

Aula 4º de Primaria

Plantamos, regamos, mimamos, creamos con papiroflexia... reciclando, investigamos e organizamos a información no noso caderno do Medio, demos vida aos nosos pelo-herba e redactamos a súa historia nos nosos minilibros.

A petunia floreceu e na última sesión do programa Na horta cos meus amig@s, programa de benestar emocional, regalámoslla a Fani para agradecerlle todo o seu bo facer ao longo das 8 semanas que nos acompañou.

Aula 4º de Primaria

Hoxe, 5 de xuño, conmemoramos o Día do Medio Ambiente e nós adicámoslle o 3º trimestre para non olvidar que só temos un planeta e de NÓS depende coidalo, coidarnos.

02/06/22

3º e 4ºEP_Museos Científicos Coruñeses

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica Premer na imaxe para acceder á galería de fotos da xornada

Pechamos o curso coa saída aos Museos Científicos Coruñeses: Casa das Ciencias e Domus.

Unha saída moi esperada, pola necesidade de ir voltando retomar a merecida "normalidade", despois de dous cursos marcados pola pandemia e protocolos sanitarios que nos impediron compartir experiencias interniveis.

Iniciamos a xornada no planetario da Casa das Ciencias visionando "A noite do vampiro", onde o conde Von Siro, un vampiro vexetariano, e o seu axudante Dragoberto nos foron amosando as marabillas espaciais. Rematada a sesión, fomos percorrendo cada andar para experimentar nas diversas exposicións e... recoller información!

Rematamos na Domus, museo interactivo adicado ao ser humano, onde visionamos varias curtas de "Descubre con Tadeo", xantamos (xa era hora...) e retomamos a visita ás diversas exposicións: nutrición e Axenda 2030, comunicación, intelixencia, evolución... para informarse, interactuar e preguntarse.

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Voltamos encantad@s coas experiencias vividas!

17/05/22

4ºEP_Mes das Letras 2022

Presentamos, en formato audiovisual, a Tarefa Integrada "Malpica, a nosa vila" que desenvolvemos a través do Laboratorio Documental: investigando, informándonos, creando, comunicando.

O noso Mes das Letras 2022 permitiunos integrar a proposta de actividades do PDI de centro co Día das Letras Galegas, así:

  • Redactamos, grazas a investigación documental, 48 preguntas en relación coas catro iconas da CDU da nosa biblio para o xogo de produción propia do cole: E ti, de quen vés sendo?
  • Coñecemos ao autor homenaxeado pola Día das Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán.
  • Creamos a nosa propia produción escrita, Malpica infinda, adaptando o poema Galicia infinda de Florencio Delgado Gurriarán.
  • Construímos no LeoLab con tangram e lego.
  • Realizamos manualidades plásticas con figuras xeométricas, creando diversas paisaxes malpicás.
Pechamos a tarefa comunicando os produtos finais: poema para a exposición do PDI, mural de aula e podcast realizado en Radio Balea, que podedes desfrutar a continuación.

Feliz Día das Letras Galegas, hoxe e todos os días do ano!

Pechamos o mes de maio, na nosa Biblio, cunha visita que puxo o broche final ao Mes das Letras. Premer no seguinte enlace para acceder á publicación:

Visita de Xurxo Alfeirán Chouciño

16/05/22

4ºEP_Dicionario Malpicán

Presentamos un dos produtos finais do Mes das Letras 2022: o noso Dicionario Malpicán.

Agradecemos a colaboración das familias para recompilar palabras e expresións propias da nosa vila.

Onde se fale malpicán, é terra galega!

13/05/22

4ºEP_Día da Familia 2022

Día da Familia 2022

Día da Familia 2022

Rematamos a nosa postal do Día da Familia (15 de maio) e as bolsas pintadas, no día de onte, no obradoiro "Plantando árbores con pinceis" son un gran agasallo para as familias: bolsas reutilizables que @s nen@s pintaron sendo diversas e únicas, como cada familia.

Feliz Día da Familia a tod@s!

27/04/22

4ºEP_Xornada "Aprende a través del surfing"

Aprende a través del surfing

Neste 3º trimestre voltamos aprender divertíndonos coa xornada "Aprende a través del surfing" que desenvolven conxuntamente a Federación Española de Surfing e Surf and Clean.

Desenvolvemos a sesión no pavillón do cole da man de Toni e o seu equipo de One Surf Academy de Malpica e pecharemos o programa coa parte que tanto nos gusta: surf na praia!

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos desta primeira xornada.

O traballo en equipo, xunto co equilibrio, foron obxectivos da xornada mediante skates e dinámicas de grupo.

Seguiremos dando conta das nosas experiencias arredor do surf e os valores que nos transmite, entre eles, a mellora das nosas relacións con nós mesmos, cos demais, co mar, co medio...

25/04/22

4ºEP_Día do Libro: lectura na rúa!

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

O pasado sábado 23 de abril conmemoramos o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor e para dar comezo ao noso Mes das Letras 2022 saímos... ler á rúa!

O noso segundo título do Plan Lector Anual, Plan de rescate de Antía Yáñez, á mochila viaxeira e andaina ata Canido: sitio excepcional da nosa vila, Malpica, para desfrutar da Hora de Ler diaria.

Premendo na imaxe accederedes ás fotos da sesión.

Airiños lectores, salgados e solleiros!

06/04/22

4ºEP_Somos... únic@s, divers@s!

Presentamos en formato audiovisual o resumo da Tarefa Integrada (Ciencias da Natureza, Matemáticas, Linguas, Plástica, Valores) que desenvolvemos ao longo do 2º trimestre:

Somos... únic@s, divers@s!

O produto final en formato caderno de lapelas ou lapbook permitiunos investigar, experimentar, emocionarnos, coidarnos... por equipos e en gran grupo para transformar a información en coñecemento e a través da experiencia.

Pechamos así o 2º trimestre para recobrar forzas e voltar con moitas ganas de rematar un curso co cal pecharemos un ciclo marcado pola pandemia, pero no cal seguimos emocionándonos aprendendo xunt@s.

Voltamos no 3º trimestre!

28/03/22

3º EP_ Laboratorio de Son: oficio e tradición en feminino

 Ao longo do mes de marzo, e como proposta do Laboratorio de Son, vimos traballando os oficios tradicionais da nosa contorna desenvoltos por mulleres que nos rodean, e que contribúen non só a visibilizar ditos oficios, senón a mantelos vivos, reinventándose e adaptándose aos novos tempos. 

Na nosa aula, decidimos centrarnos no oficio da olería, concretamente na olería de Buño, contando para iso coa axuda de Lidia Trigo, mamá do noso compañeiro Siro e a responsable do taller "Cerámicas Creare". Tras unha pequena investigación sobre o papel da muller na olería (no cal descubrimos que era ela a quen se encargaba dos traballos máis duros, como "pisar" o barro co pisón,  carrexalo -as "carrexadoras", ou encargarse do fume nas primeiras horas das fornadas -as "fumeiras") elaboramos as preguntas para Lidia. Tíñamos tantas, que despois de entrevistala en Radio Balea ainda lle pedimos que quedase un pouquiño máis con nós para seguir conversando. E ten toda a pinta de que na clase de 3º haberá futuras e futuros oleiros!

Aquí vos deixamos a entrevista completa: 




E premendo na imaxe tedes acceso ás fotos da visita: 



Como peche do noso traballo, o 23 de marzo visitamos o Ecomuseo Forno do Forte. Lola fíxonos unha preciosa visita guiada polas diferentes partes da casa e Antonio, o oleiro, ensinounos a dar os nosos primeiros pasiños co barro. Premendo na imaxe tedes acceso ás fotos da nosa saída. 






24/03/22

4ºEP_Na horta cos meus amig@s

Programa saúde e benestar emocional_Asociación Vieiro

Esta semana comezamos o Programa de saúde e benestar emocional promovido pola Asociación Vieiro de Carballo, a cal lle estamos moi agradecid@s por achegarnos programas tan necesarios na escola e a custe cero.

O programa consta de 8 sesións nas que da man de Fani (psicóloga da Asociación) @s nen@s, a través da recreación de contos nos que as hortalizas son as protagonistas, coñecen situacións persoais que poden vivir nesta etapa evolutiva: celos, burlas, diferenzas físicas/culturais, presión de grupo, resolución de conflitos...; contribuíndo á maduración psicoafectiva e a adquisición de hábitos de saúde e benestar emocional.

A primeira sesión foi todo un éxito, tod@s se identificaron coas características dalgunha das hortalizas protagonistas; aínda que non sexa doado reflexionar sobre como son e como me sinto.

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos do programa que se irá incrementando segundo vaiamos desenvolvendo as 8 sesións (1 sesión á semana)

Do emocibuzón.com que iniciamos este curso damos paso a este preventivo programa do que esperamos aprender moito de nós e dos demais, respectándonos.

Coidando de NÓS, coidándonos!

18/03/22

4ºEP_Lab. de Son: oficio e tradición... en feminino!


Presentamos os dous produtos finais resultado da implementación do Laboratorio de Son en relación co Día da Muller 2022 e a proposta de actividades do noso PDI:

  • Podcast Festexamos: entrevista a Mª Jesús Veiga Carrillo, a quen agradecemos a súa dispoñibilidade e amabilidade. Un podcast longo, pero que paga a pena escoitar para valorar o esforzo das Mulleres Redeiras na súa loita por ser visibles e por mellorar día a día, diversificando o seu oficio. Premendo na seguinte imaxe accederedes ao álbum de fotos do laboratorio.
Mª Jesús Veiga Carrillo
  • Caderno de produción propia, resultado da Tarefa Integrada desenvolta a partir da caixa sorpresa que nos deixou Leo, mascota da nosa biblio. Caderno que entregamos en forma de agasallo a Asociación de Redeiras de Corme.
Pechamos o laboratorio coa saída didáctica a Corme, onde visitamos o posto da Asociación de Redeiras Artesás Illa da Estrela entregando os agasallos a Rosa Rodríguez (presidenta da Asociación) e aproveitando para visitar a feira, onde recollemos os prezos de diferentes alimentos para calcular o custe do menú saudable que ideamos por equipos para completar o noso lapbook trimestral. 

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos da saída.

Asociación de Redeiras Artesás Illa da Estrela de Corme

Un laboratorio e unha saída que vivenciamos, emocionámonos, aprendemos!

10/03/22

4ºEP_Obradoiro con Julia de la Cal: o vimbio



No día de hoxe, o alumnado de 4ºEP acompañad@s polas familias que puideron asistir, desenvolvemos un obradoiro de vimbio con Julia de la Cal; obradoiros que desfrutou todo o alumnado do centro e que foi posible grazas á Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia a través das formacións dirixidas a Biblioteca Creativa.

Premendo na imaxe accederedes á galería de fotos das diferentes xornadas desenvoltas ao longo do xoves 10 e venres 11 de marzo para TOD@S.

Agradecemos a asistencia e colaboración das familias, nada máis motivante para @s nen@s que aprender tan ben acompañad@s.

Grazas a Julia de la Cal por ensinarnos a crear cun material tan noso: o vimbio. Deseguro á estrutura creada entre tod@s lle imos sacar moito rendemento na nosa escola: tempos de xogo, de lectura...

Un mes de marzo entre oficios e tradicións... EN FEMININO!

26/02/22

4ºEP_Entroido 2022: Madamit@s do Milladoiro

Presentamos o noso Entroido 2022!

Agradecemos a colaboración da AC Raigañas de Cerqueda para poder celebrar un Entroido moi noso como Madamit@s do Milladoiro.

Premendo no seguinte enlace accederedes ao álbum de fotos da xornada:

4ºEP: Entroido 2022

Feliz Entroido a tod@s!

23/02/22

4º_Día de Rosalía 2022

Un curso máis, Rosalía de Castro protagoniza o mes de febreiro no CEIP Milladoiro.

A aula de 4ºEP celebramos o seu Día, 23 de febreiro de 2022, con actividades variadas ao longo de todo o mes: investigando, comunicando, creando...pensamentos de Rosalía e para Rosalía, seguindo o lema escollido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega: #SementadePensamentos.

Feliz Día de Rosalía a tod@s! 

3ºEP - Día de Rosalía

 "Nasín cando as prantas nasen..."

Así comeza o poema escollido pola nosa aula para celebrar este ano o 185 aniversario de Rosalía de Castro, unha muller á que a nosa aula lle ten especial cariño por se pioneira na nosa literatura e atreverse a escribir na nosa lingua. Grabamos un audiopoema da súa obra Follas Novas, adoptamos un libro, homenaxeámola con flores... Grazas, Rosalía, por tanto!

Premendo na foto podedes acceder a máis imaxes desta emotiva xornada. 



18/02/22

3ºEP_ Laboratorio de radio

 No mes de febreiro, levamos ao cabo no cole os obradoiros de formación para aprender a utilizar a nosa radio, xa non só como locutoras e locutores, senón tamén como técnicas e técnicos de son. Temos un alumnado súper profesional, parabéns!

Premendo na foto podedes acceder á galería de imaxes:



14/02/22

4ºEP_Obradoiro Radio na Biblio

Obradoiro Radio na Biblio

O mércores 9 de febreiro o alumnado de 4º de Primaria e 5º de Primaria, no presente curso Biblioaxudantes de Radio na Biblio, desenvolveron un obradoiro de Radio da man dos profesionais da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas Ondas!

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos da xornada.

Coa profesionalidade de Xerardo Feijoo aprenderon a edición dun podcast no programa Audacity e con Damián Alonso a comunicación: volume, entoación, dicción... Pecharon o obradoiro tod@s no patio cunha posta en práctica da Radio en directo.

Un luxo de formación para seguir medrando con Radio Balea... a nosa Radio!

31/01/22

3ºEP_Coñecendo a infancia dos nosos avós e avoas

Retomamos o segundo trimestre cun programa para Radio Balea elaborado polo alumnado de 3ºEP da asignatura Valores Sociais e Cívico. O noso obxectivo era comparar a nosa infancia coa dos nosos avós e avoas, para comprobar como esta foi cambiando co paso dos anos. Despois destas entrevistas chegamos á conclusiòn de que agora temos máis dereitos recoñecidos como nenos e nenas que antes non tiñamos, por exemplo o dereito á educación e o dereito a xogar! Isto foi o que nos contaron: