28/03/22

3º EP_ Laboratorio de Son: oficio e tradición en feminino

 Ao longo do mes de marzo, e como proposta do Laboratorio de Son, vimos traballando os oficios tradicionais da nosa contorna desenvoltos por mulleres que nos rodean, e que contribúen non só a visibilizar ditos oficios, senón a mantelos vivos, reinventándose e adaptándose aos novos tempos. 

Na nosa aula, decidimos centrarnos no oficio da olería, concretamente na olería de Buño, contando para iso coa axuda de Lidia Trigo, mamá do noso compañeiro Siro e a responsable do taller "Cerámicas Creare". Tras unha pequena investigación sobre o papel da muller na olería (no cal descubrimos que era ela a quen se encargaba dos traballos máis duros, como "pisar" o barro co pisón,  carrexalo -as "carrexadoras", ou encargarse do fume nas primeiras horas das fornadas -as "fumeiras") elaboramos as preguntas para Lidia. Tíñamos tantas, que despois de entrevistala en Radio Balea ainda lle pedimos que quedase un pouquiño máis con nós para seguir conversando. E ten toda a pinta de que na clase de 3º haberá futuras e futuros oleiros!

Aquí vos deixamos a entrevista completa: 




E premendo na imaxe tedes acceso ás fotos da visita: 



Como peche do noso traballo, o 23 de marzo visitamos o Ecomuseo Forno do Forte. Lola fíxonos unha preciosa visita guiada polas diferentes partes da casa e Antonio, o oleiro, ensinounos a dar os nosos primeiros pasiños co barro. Premendo na imaxe tedes acceso ás fotos da nosa saída. 






24/03/22

4ºEP_Na horta cos meus amig@s

Programa saúde e benestar emocional_Asociación Vieiro

Esta semana comezamos o Programa de saúde e benestar emocional promovido pola Asociación Vieiro de Carballo, a cal lle estamos moi agradecid@s por achegarnos programas tan necesarios na escola e a custe cero.

O programa consta de 8 sesións nas que da man de Fani (psicóloga da Asociación) @s nen@s, a través da recreación de contos nos que as hortalizas son as protagonistas, coñecen situacións persoais que poden vivir nesta etapa evolutiva: celos, burlas, diferenzas físicas/culturais, presión de grupo, resolución de conflitos...; contribuíndo á maduración psicoafectiva e a adquisición de hábitos de saúde e benestar emocional.

A primeira sesión foi todo un éxito, tod@s se identificaron coas características dalgunha das hortalizas protagonistas; aínda que non sexa doado reflexionar sobre como son e como me sinto.

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos do programa que se irá incrementando segundo vaiamos desenvolvendo as 8 sesións (1 sesión á semana)

Do emocibuzón.com que iniciamos este curso damos paso a este preventivo programa do que esperamos aprender moito de nós e dos demais, respectándonos.

Coidando de NÓS, coidándonos!

18/03/22

4ºEP_Lab. de Son: oficio e tradición... en feminino!


Presentamos os dous produtos finais resultado da implementación do Laboratorio de Son en relación co Día da Muller 2022 e a proposta de actividades do noso PDI:

  • Podcast Festexamos: entrevista a Mª Jesús Veiga Carrillo, a quen agradecemos a súa dispoñibilidade e amabilidade. Un podcast longo, pero que paga a pena escoitar para valorar o esforzo das Mulleres Redeiras na súa loita por ser visibles e por mellorar día a día, diversificando o seu oficio. Premendo na seguinte imaxe accederedes ao álbum de fotos do laboratorio.
Mª Jesús Veiga Carrillo
  • Caderno de produción propia, resultado da Tarefa Integrada desenvolta a partir da caixa sorpresa que nos deixou Leo, mascota da nosa biblio. Caderno que entregamos en forma de agasallo a Asociación de Redeiras de Corme.
Pechamos o laboratorio coa saída didáctica a Corme, onde visitamos o posto da Asociación de Redeiras Artesás Illa da Estrela entregando os agasallos a Rosa Rodríguez (presidenta da Asociación) e aproveitando para visitar a feira, onde recollemos os prezos de diferentes alimentos para calcular o custe do menú saudable que ideamos por equipos para completar o noso lapbook trimestral. 

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos da saída.

Asociación de Redeiras Artesás Illa da Estrela de Corme

Un laboratorio e unha saída que vivenciamos, emocionámonos, aprendemos!

10/03/22

4ºEP_Obradoiro con Julia de la Cal: o vimbio



No día de hoxe, o alumnado de 4ºEP acompañad@s polas familias que puideron asistir, desenvolvemos un obradoiro de vimbio con Julia de la Cal; obradoiros que desfrutou todo o alumnado do centro e que foi posible grazas á Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia a través das formacións dirixidas a Biblioteca Creativa.

Premendo na imaxe accederedes á galería de fotos das diferentes xornadas desenvoltas ao longo do xoves 10 e venres 11 de marzo para TOD@S.

Agradecemos a asistencia e colaboración das familias, nada máis motivante para @s nen@s que aprender tan ben acompañad@s.

Grazas a Julia de la Cal por ensinarnos a crear cun material tan noso: o vimbio. Deseguro á estrutura creada entre tod@s lle imos sacar moito rendemento na nosa escola: tempos de xogo, de lectura...

Un mes de marzo entre oficios e tradicións... EN FEMININO!