22/06/21

3º_Fin de curso 2020/21


Hoxe finalizamos un curso excepcional no noso colexio, ningún lugar mellor para aprender e soñar xunt@s.

Como actividade final elaboramos o noso libro de produción propia con propostas de actividades para o verán: receita de verán, risa saudable, escribo, ilustro, o meu día favorito, a miña familia, amigos/as, un lugar especial e libros do verán son as páxinas que o conforman.

Ao remate do merecido descanso estival esperamos voltar co noso libro cheo de palabras e ilustracións que resuman o feliz verán que desfrutamos lendo, xogando, compartindo...

Despedimos un curso de moitas emocións, agradecendo á ANPA a merenda fin de curso que nos agasallou, a nosa comunidade polas actividades que nos brindou, as nosas familias e ao noso profesorado polo seu acompañamento, dedicación e coidado diario con todos/as nós.

Feliz e saudable verán a tod@s, voltamos en setembro!

21/06/21

3º_Visita Sr. Alcalde Walter Pardo

 

Hoxe, penúltimo día lectivo do curso 2020/21, recibimos a visita do Sr. Alcalde Walter Pardo para ler e facerlle entrega da nosa instancia (expoñemos-solicitamos) que redactamos como actividade final do lapbook de Ciencias deste último trimestre.

Agradecemos ao Sr. Alcalde que fixera un oco na súa axenda para recoller persoalmente a nosa instancia e escoitarnos; aínda que xa nos aclarou que algúns dos obxectivos que recollemos como Axenda 2022 do Concello de Malpica de Bergantiños xa están en proceso, algúns mesmo cumpridos. Esperamos que todos eles se acaden antes de que finalice o ano 2022.

O vindeiro curso seguiremos aprendendo, contribuíndo á construción dun mundo mellor xunt@s!

08/06/21

3º_Día Mundial dos Océanos: Exposición de Fotografía Subacuática

Hoxe visitamos o Centro Cívico, conmemorando o Día Mundial dos Océanos, coa visita guiada á Exposición de Fotografía Subacuática ofertada polo Concello.

Picando na primeira imaxe accederedes ao álbum de fotos da visita, a cal completaremos o vindeiro venres 11 visualizando un documental medioambiental sobre o mundo mariño.

Aproveitamos o bo tempo, mentras esperabamos a nosa quenda para realizar a visita, desfrutando de xogos populares no noso patio. Picando na imaxe accederedes ao álbum de fotos.

Un día de xogos compartidos e sensibilización para valorar e coidar a vida submarina.

05/06/21

3º_Lab. de Ideas: construíndo un mundo mellor!

Presentamos o vídeo-resumo do Laboratorio de Ideas que complementa o Laboratorio de Son: o mundo escríbese...con X!

Atendendo ao noso PDI Visión 3C en relación coa Axenda 2030 e o Día do Medio Ambiente, que se celebra no día de hoxe, construímos por equipos 4 maquetas/construcións ecolóxicas e creativas.

Pechamos un curso de experiencias compartidas arredor, entre outros, dos laboratorios de aprendizaxe.

O vindeiro curso seguiremos divertíndonos aprendendo!

04/06/21

3º_Lapbook de Ciencias 3º trimestre

 

Rematamos o último lapbook do curso integrando as Ciencias co PDI Visión 3C, coa Axenda 2030 mediante os diferentes laboratorios de aprendizaxe.

Un lapbook co que traballamos por equipos desenvolvendo, entre outras aprendizaxes, a alfabetización en información; creando así as nosas propias lapelas.

A última actividade que realizamos arredor do tratamento do seu contido foi redactar entre tod@s unha instancia (expoñemos-solicitamos) dirixida ao Sr. Alcalde de Malpica cos puntos que consideramos deben ser cumpridos para mellorar a vida da poboación de Malpica e respectar o medio: Axenda 2022 do Concello.

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos.

O vindeiro curso seguiremos construíndo!

02/06/21

3º_Sesión formativa con SOGAMA

 

Hoxe o alumnado de 2º e 3º de Primaria asistiron, na nosa Biblioteca, a unha sesión formativa sobre separación de residuos desenvolta por Cristina, persoal de SOGAMA, que xa nos visitou o curso pasado cando participamos no programa de educación ambiental Recíclate con SOGAMA canalizado a través do Plan Proxecta da Consellería de Educación.

Asentaron contidos, xa tratados curricularmente, arredor da necesidade das 3R: Reducir, Reciclar e Reutilizar; e coñeceron unha cuarta R: Recuperación enerxética, aportación que realiza SOGAMA transformando, de forma limpa e respectuosa co medio, a parte non reciclable en enerxía eléctrica.

Premendo na primeira imaxe accederedes ao álbum de fotos da sesión.

Agradecemos ao Concello esta actividade que nos ofertou dentro do seu plan de incorporación ao programa de compostaxe doméstico liderado por SOGAMA.