29/10/21

4º_Magosto 2021

Magosto 2021

 Celebramos, e vaia se celebramos, o Magosto 2021!

Comezamos a xornada con xogos populares no pavillón, 8 xogos coa castaña coma protagonista: a zorregada, a bomba, a rá, o castañón chis-pon, os aros, as chapas, a corda e os desprazamentos colaborativos.

Premendo na primeira imaxe poderedes acceder ao álbum de fotos do día.

E rematamos... comendo castañas asadas e xogando ao brilé.

Brilé

Un día de magosto comendo castañas, alegrando o corpo!


4º_Cabazas lendarias!

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica
Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos das fantásticas cabazas coas que conmemoramos o Samaín 2021: Malpica e Costa da Morte.

Agradecemos a colaboración das familias na elaboración das mesmas.

Unhas cabazas lendarias!

28/10/21

4º_Lab. de cociña: doces lendas

                                     
Doces lendas é a actividade final que realizamos dentro do Laboratorio Documental como peche do mesmo, despois da saída ao cabo de San Adrián.

No laboratorio de cociña con diferentes materiais: cartolinas negras, siluetas dos seres mitolóxicos e azucre glass... creamos por equipos as nosas lendas para contar ao resto de compañeiros/as, sen borrador previo, sen correccións, tomando a palabra en directo.

No vídeo tedes un exemplo do creado e premendo no seguinte enlace accederedes ao álbum de fotos da sesión.

                                              Fotos: Doces lendas!


Unha sesión de creatividade e oratoria... moi, moi doce!

3º e 4º_Saída 1ºT._Contada lendaria!

3º e 4º EP: saída cabo San Adrián
Como peche do Laboratorio Documental, os grupos de 3º e 4º de E. Primaria realizamos unha saída complementaria ao cabo de San Adrián para realizar unha Contada lendaria!

Unha xornada na que compartimos lecturas, a lectura das lendas que recompilamos ao longo do mes de outubro grazas a colaboración das familias, nun entorno privilexiado: cabo de San Adrián fronte as Illas Sisargas, escenarios estes de moitas das lendas que compartimos.

Premendo na imaxe accederedes as fotos da xornada.

Un día vivenciando e valorando o noso!

27/10/21

3º_XII Semana das Lecturas Terroríficas

Os nenos e as nenas de 3º co motivo da XII Semana das Lecturas Terroríficas, foron a Radio Balea a locutar duas lendas relacionadas coa Costa da Morte, non volas perdades!!

25/10/21

3ºEP_Día das Escritoras Galegas e Día da Biblioteca Escolar

Con motivo da celebración do día das Escritoras Galegas (18 de outubro) e das Bibliotecas Escolares (24 de outubro), participamos na tarefa integrada "Pondo cara a... 18 escritoras galegas". Nela, puxemos en práctica os coñecementos do Laboratorio Documental e a nosa competencia en Alfabetización Mediática e Informacional, identificando os títulos de diferentes obras, investigando no catálogo da nosa biblio o nome da súa autora e facendo, finalmente, unha pesquisa da súa imaxe (poñendo así cara ás mulleres escritoras que enchen os nosos andeis de historias)



















4º_XII Semana das Lecturas Terroríficas

Presentamos o produto final do Laboratorio Documental que desenvolvemos a través da Tarefa Integrada Confundindo lendas! 

Esperemos que vos guste, nós divertímonos aprendendo. 

Un laboratorio lendario!

22/10/21

4º_Solidariedade con La Palma

Collage solidario...por La Palma_4ºEPAula 4ºEP 

As imaxes dino todo: solidari@s con La Palma!

4º_Lab. Documental: formación

 Aula 4º E. Primaria Ao longo do mes de outubro desenvolvemos a formación do Laboratorio Documental: formación de usuari@s e alfabetización en información; para elo empregamos diferentes sesións, coma a sesión Aprender a Investigar (Libre Configuración en 4º e 6º de Primaria)

Esta semana, completamos a formación pondo en práctica os coñecementos adquiridos a través da actividade dinamizada polo equipo de Biblioteca e Dinamización da Lingua: 18 Escritoras Galegas (celebrando o Día das Escritoras e o Días das Bibliotecas), para pór cara, nome e apelidos ás autoras de cada título e... obxectivo cumprido!

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos da actividade.

Seguimos investigando, formándonos!

3º_Lab. de son: que sabemos de Malpica?

Como inicio do noso PDI Nós, patrimonio in-material!, o alumnado de 3º fixemos, a modo de avaliación inicial, o noso primeiro podcast en Radio Balea. Nel, compartimos coa comunidade educativa que coñecemos da nosa localidade, Malpica. De seguro que ao remate deste curso poderemos contarvos moitas cousas máis!



21/10/21

4º_Lab. de Son: que sabemos de Malpica?

Radio Balea

Iniciamos o Laboratorio de Son elaborando, por equipos, os guións para gravar en Radio Balea o primeiro podcast do curso 2021/22. O podcast recolle o guión de cada equipo: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, novos nomes de equipos para novo PDI.

Presentamos o noso MillaInforma: que sabemos de Malpica?, para dar comezo ao Proxecto Documental Integrado que nos ocupará ao longo de dous cursos escolares, centrándonos neste primeiro ano en Malpica e a Costa da Morte.

Premendo na imaxe poderedes acceder as fotos das sesións de gravación.

Deseguido podedes escoitar o noso programa, presentado por Belén para que nos quede a súa voz de recordo cando teña que voltar a universidade. 

Esperamos que vos guste, nós pasámolo xenial!

18/10/21

4º_Aprender a Investigar

 4ºEP_Aprender a Investigar
No presente curso, 4ºEP, contamos no horario semanal cunha sesión adicada a materia de Libre Configuración Aprender a Investigar: saber buscar, organizar, tratar e comunicar a información para transformala en coñecemento. Traballo que non nos é alleo, xa que dende 1º de Primaria é o camiño que percorremos para poder SER, FACER e SABER.

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos da materia.

A seguir investigando!

15/10/21

4º_Principiando!

Un ano máis, un curso máis... xunt@s!

Principiamos 4º curso de Educación Primaria con actividades variadas e divertidas, dando comezo ao novo PDI NÓS: patrimonio in-MATERIAL!. Un Proxecto Documental que persegue o coceñemento de nós e do noso, valorando de onde vimos para saber cara onde imos.

Inauguramos o PDI coa visita da AC Raigañas de Cerqueda, comezando o curso ao son da música e o baile tradicional. Na imaxe podedes ver a Belén Veiga, alumna do Practicum II da Facultade de CC da Educación de A Coruña que xa nos acompañou o curso pasado e elexiu dar continuidade as súas prácticas no noso colexio, no noso grupo.

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Iniciamos curso e iniciamos novas dinámicas coma Emocibuzón.com, unha caixa do correo onde depositar os nosos escritos en relación coa escola e como nos sentimos integrando emocións e comunicación, así coma a asemblea semanal ou círculo comunicativo para expresarnos e dialogar en gran grupo.

Emocibuzón.com

Damos continuidade aos Diver-Ditados e as sesións Hora de Ler, nas que compartir lecturas e enriquecernos xunt@s cos títulos do Plan Lector Anual, realizando Que me contas? ou preparando, por parellas, as lecturas elexidas para a actividade voluntaria Hoxe le...

Premendo no seguinte enlace accederedes ao álbum de imaxes...

4ºEP_Principiando 2021/22

Seguiremos emocionándonos, comunicando, experimentando, creando.

A por un curso moi noso, un curso de todas e todos.

11/10/21

3º_ Resumo das primeiras semanas de curso

Parece que o verán xa queda moi atrás, ainda que por agora o sol nos acompaña no CEIP Milladoiro! As nenas e nenos de 3º levamos un mes habitando a nosa aula, que pouquiño a pouco se vai convertindo nun pequeno fogar e que, como o resto de fogares, precisa unhas normas de convivencia, unas rutinas, horarios, pero tamén recunchiños onde sentirnos cómodas e relaxarnos (como o noso recanto lector!): 


Ademais de traballar algunhas normas básicas de convivencia, ao longo do mes de setembro, a pequena tribu de 3º nos fumos coñecendo e pouco a pouco iniciando a marabillosa aventura de aprender! En Matemáticas estamos descubrindo o valor das diferentes cifras dos números para facilitarnos as vindeiras aprendizaxes (lembrade seguir "cazando" e "destruindo" os números que atopedes no día a día para poñelo en práctica!). Nas linguas fixemos diferentes actividades de avaliación inicial, como o noso primeiro ditado musical ou a lectura e análise das diferentes cartas que a nosa mascota da biblio, Leo, nos envía! 




En Ciencias Sociais estamos iniciando unha investigación relacionada co noso PDI Nós Patrimonio In-material! a través da cal imos coñecer como é a nosa localidade e a súa contorna... pedirémosvos colaboración, familias! En Naturais imos coñecer o funcionamento do noso corpo e, sobre todo, como mantelo san, coidalo e querelo. Como non podía ser doutro xeito, a realidade do volcán de La Palma tamén entrou na nosa aula, convertíndonos en auténticos expertos e expertas deste, reflexionando moito sobre se a natureza é boa ou mala e aprendendo tamén a diferenciar noticias falsas das reais. É incrible a cantidade de información que entre todos e todas xuntaron! No panel lateral do blogue tedes diferentes recursos para seguir aprendendo sobre este tema.    



Por suposto... tivemos xa os nosos primeiros aniversarios! Carlos e Ainoa deron unha nova volta ao sol e fixemos as nosas primeiras ceremonias para desexarlles un feliz ano. 



Proximamente seguiremos contándovos os nosos avances na aula, xa sabedes que está próxima a chegada do Samaín así que lembrade ir buscando unha cabaza xeitosa!