23/03/20

Carta para alumnado e familias


Queridos/as nenos/as e familias:
Os/as mestres/as tamén estamos na casa, os/as mestres/as tamén somos pais/nais, os/as mestres/as tamén temos familias, os/as mestres/as somos uns/unhas máis das moreas de persoas que debemos quedar na casa nesta cuarentena que nos toca vivir.
Hoxe sabemos que a obriga de QUEDAR NA CASA vaise alongar, polo que queremos que teñades presente que seguimos aquí: ao outro lado da rede, a través dos correos: encuartodeprimaria2020@gmail.com ( Para a titoría de 4º) , e eiglesiasa@hotmail.com ( Para a titoría de 3º). Ámbalas titorías publicamos recursos no blogue de ciclo: http://baleatos.blogspot.com/ . Queremos que saibades de nós, queremos seguir sabendo de vós (como estades, que facedes, como levades estar na casa…)
As tarefas escolares, nestes momentos que estamos a pasar, non son o máis importante. O realmente importante é que nos coidemos e coidemos dos demais quedando na casa, como superheroes e superheroínas con capa vermella, pois xa temos aos superheroes e as superheroínas con capa verde nos hospitais, nos laboratorios, nas carreteras transportando o que precisamos, nos supermercados e pequenos comercios de alimentación, nas rúas velando pola nosa seguridade…,en definitiva fóra das súas casas para que nós os das capas vermellas poidamos quedar na casa.
Non esquezades que as tarefas que vos encargamos, son para facer dentro das vosas posibilidades, pois sabemos que non todos contades cos medios tecnolóxicos para poder acceder aos contidos. Son voluntarias, e non avaliables. 
Pedimos as familias que teñan contacto con outras familias que non conten cos recursos,  que ofrezan a súa axuda a través dos medios dos que dispoñan (grupos de wasap ou outros medios non presenciais, pois debemos evitar todo contacto con outras persoas alleas as nosas casas).
Estádelo facendo moi ben, estamos moi orgullosas de todos/as vós. Continuade así, mandándonos fotos dos vosos traballos, consultándonos as dúbidas...
Como mestres/as querémosvos pedir que sexades felices cada día, dende que espertamos ata que nos deitamos. Recordade espertar cada mañá cun sorriso que vos encha de felicidade a vós e aos vosos.
Queremos agradecer tamén ás familias o esforzo que están facendo, para que a comunicación entre nós sexa posible. Moitas gracias, vós tamén estades sendo héroes e heroínas nesta situación. Gracias pola colaboración, a comprensión e a paciencia que estades demostrando.
A normalidade voltará, e con ela veremos que saímos da casa máis fortes ca nunca.
Forza superhéroes e superheroínas de capas vermellas, e recordade cada día un sorriso, este será o noso superpoder.
TODO SAIRÁ BEN!
Apertas agarimosas e biquiños mil dos/as vosos/as mestres/as de 3º e 4 º.

Ningún comentario:

Publicar un comentario