Os/as nenos/as de 3º e 4º de primaria navegamos nun mar de aprendizaxes nas que...CONTAMOS MOITO!
26/11/21
3º_25N, liberándonos das etiquetas que nos pesan!
3º _ Lab. Experimentando: o tacto, un sentido esquecido.
Ao longo do mes de novembro vimos traballando o método científico dentro da proposta do Laboratorio Documental do cole e aproveitando tamén a proposta das Bibliotecas Escolares do Mes da Ciencia en Galego. Iniciamos o noso traballo coa chegada dun paquete misterioso.. un bote con pó negro! Este misterioso pó provocou en nós unha chea de preguntas e, sen darnos conta, comezamos a xerar hipóteses! Non foron poucos e poucas quenes, pola cor e ata polo cheiro, deduciron que eran cinzas, outros e outras con moita imaxinación optaron por "galletas oreo machacadas"! Finalmente, tras ollar nos lentes binoculares e con algo de información da profe, descubrimos que tiñamos nas nosas mans cinza, si, pero do volcán da Palma! E así foi como descubrimos que son as preguntas científicas e que son as hipóteses.
Aproveitando que en Naturais estamos a traballar a función de relación e os sentidos, decidimos afondar un pouco máis no sentido do tacto e incorporar o método científico como metodoloxía de investigación. O noso grupo ten de marabilloso que estamos continuamente facéndonos unha chea de preguntas: por que sentimos? como? que pasaría se non tivésemos tacto? por que ás veces sentimos frío e outra calor? para que sirve a pel? sentimos igual en todas as partes do corpo?
Estas son un exemplo das preguntas que nos fixemos na clase, e das que resultaron tres experiencias científicas:
- O tacto: as terminacións nerviosas, a través da cal descubrimos que temos partes do noso corpo máis sensibles que outras
- A ilusión táctil, para comprender que o sentido do tacto funciona por comparación
- As pegadas dactilares, das cales descubrimos que non hai non mundo nen unha soa igual, e por iso a nosa pel funciona moitas veces como un carné de identidade!
Toda unha experiencia sensorial da cal aprendimos un pouco máis sobre a importancia do tacto para poder sentir e estar no mundo en que vivimos.
Premendo na imaxe podedes acceder á galería.
25/11/21
4º_Experimentamos e dialogamos
Hoxe, 25N, cambiamos a visión xunt@s!
Premendo na imaxe poderedes acceder ao álbum de fotos da xornada.
Comezamos a xornada experimentando en cada exposición de aula: experimentos que tod@s compartimos polos corredores do colexio, que se transformou nun gran laboratorio para conmemorar o mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas.
Pechamos a xornada co mural Visión 3D: Diálogo, Dereitos e Dignidade, arredor do cal reflexionamos, experimentamos coa visión 3D, eleximos dous títulos para compartir na aula e deixamos a nosa pegada.
De volta á aula compartimos lecturas de vida e dialogamos sobre a igualdade de xénero coa presentación da actividade realizada pol@s compañeir@s que asisten a Valores Sociais e Cívicos coa mestra María: mochilas que pesan e mochilas que nos liberan.
Seguimos CON-CIENCIANDO!
19/11/21
4º_Lab. Experimental: Transformando!
Presentamos en formato audiovisual o desenvolvemento do Laboratorio Experimental, o cal comezamos no mes de outubro co lapbook de Ciencias da Natureza, Transformando... con enerxía!
Ao longo do mes de novembro, conmemorando o mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, rematamos o lapbook e creamos, experimentamos por equipos: cores, luz, auga (ilusións ou xogos ópticos) e máquinas.
Un Laboratorio Experimental no que ademais de crear máquinas e xogos ópticos, puxemos en práctica o ilusionismo.
Exposición lista para que tod@s poidamos experimentar, ilusionarnos coa ciencia!
29/10/21
4º_Magosto 2021
Celebramos, e vaia se celebramos, o Magosto 2021!
Comezamos a xornada con xogos populares no pavillón, 8 xogos coa castaña coma protagonista: a zorregada, a bomba, a rá, o castañón chis-pon, os aros, as chapas, a corda e os desprazamentos colaborativos.
Premendo na primeira imaxe poderedes acceder ao álbum de fotos do día.
E rematamos... comendo castañas asadas e xogando ao brilé.
Un día de magosto comendo castañas, alegrando o corpo!
4º_Cabazas lendarias!
Agradecemos a colaboración das familias na elaboración das mesmas.
Unhas cabazas lendarias!
28/10/21
4º_Lab. de cociña: doces lendas
No laboratorio de cociña con diferentes materiais: cartolinas negras, siluetas dos seres mitolóxicos e azucre glass... creamos por equipos as nosas lendas para contar ao resto de compañeiros/as, sen borrador previo, sen correccións, tomando a palabra en directo.
No vídeo tedes un exemplo do creado e premendo no seguinte enlace accederedes ao álbum de fotos da sesión.
Fotos: Doces lendas!
3º e 4º_Saída 1ºT._Contada lendaria!
Como peche do Laboratorio Documental, os grupos de 3º e 4º de E. Primaria realizamos unha saída complementaria ao cabo de San Adrián para realizar unha Contada lendaria!
Unha xornada na que compartimos lecturas, a lectura das lendas que recompilamos ao longo do mes de outubro grazas a colaboración das familias, nun entorno privilexiado: cabo de San Adrián fronte as Illas Sisargas, escenarios estes de moitas das lendas que compartimos.
Premendo na imaxe accederedes as fotos da xornada.
Un día vivenciando e valorando o noso!
27/10/21
3º_XII Semana das Lecturas Terroríficas
Os nenos e as nenas de 3º co motivo da XII Semana das Lecturas Terroríficas, foron a Radio Balea a locutar duas lendas relacionadas coa Costa da Morte, non volas perdades!!
25/10/21
3ºEP_Día das Escritoras Galegas e Día da Biblioteca Escolar
Con motivo da celebración do día das Escritoras Galegas (18 de outubro) e das Bibliotecas Escolares (24 de outubro), participamos na tarefa integrada "Pondo cara a... 18 escritoras galegas". Nela, puxemos en práctica os coñecementos do Laboratorio Documental e a nosa competencia en Alfabetización Mediática e Informacional, identificando os títulos de diferentes obras, investigando no catálogo da nosa biblio o nome da súa autora e facendo, finalmente, unha pesquisa da súa imaxe (poñendo así cara ás mulleres escritoras que enchen os nosos andeis de historias)


